O Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega é un volume de 1328 páx. que contén 8000 entradas. Inclúe 91 cadros nos que se sintetiza importante información gramatical e que facilitan unha consulta rápida. É o primeiro dicionario galego que ofrece exemplos reais da linguaxe xornalística, literaria e académica dos últimos vinte anos. Este dicionario parte dunha concepción novidosa respecto doutros dicionarios xa existentes, a súa base é a lingua real e as súas indicacións oriéntanse cara á utilidade práctica de todos os que empreguen o galego en calquera ámbito, falado e escrito. Nas súas entradas ofrece solucións razoadas e contrastadas coa norma académica, cunha explicación práctica da lingua e do seu léxico. O dicionario fornece etimoloxías, sinónimos e palabras afíns, e equivalentes noutras linguas cando é pertinente. Ofrece, por primeira vez na lexicografía galega, exemplos reais de uso da linguaxe xornalística, literaria e académica. Permite orientarse sobre o uso estándar e correcto da lingua e aclara dificultades sobre o uso de neoloxismos, estranxeirismos e impropiedades léxicas. É util para solucionar dúbidas sobre a gramática e a ortografía. Resolve dificultades de pronunciación e dá información sobre cuestións de estilo (puntuación, maiúsculas, siglas, abreviaturas...). Debido a que todas as linguas mudan e é preciso conservar o seu patrimonio e entender os seus cambios e novidades, este dicionario incorpora as últimas modificacións, tanto das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego coma do Vocabulario ortográfico da lingua galega. O dicionario Galaxia de usos e dificultades axuda á corrección e bo uso da lingua e facilítalles tamén aos usuarios unha consulta rápida e fiable, ao que contribúen os máis de noventa cadros gramaticais situados a carón da entrada correspondente.