Entre os anos 1978 e 1994 tivo existencia legal a Sociedade Cooperativa de Consumo para o Ensino «Escola Dramática Galega» (EDG). Durante eses dezaseis anos desenvolveu un intenso labor en diversos campos relacionados coa escena do país -e, por extensión, da cultura- que fan da EDG un punto de referencia na historia recente do teatro galego. Desde o seu seo non só se promoveu a actividade propiamente escénica, mais tamén se atendeu á formación de traballadores do medio, ao rescate de textos fundamentais da dramaturxia galega ou á investigación á volta da dramática e das festas parateatrais. A Escola Dramática Galega sostivo, igualmente, a publicación teatral de máis longa vida na historia de Galiza, en que viron a luz tanto obras dos clásicos e traducións de textos transcendentais da dramaturxia occidental como a producción de autores novos ou ensaios sobre diferentes aspectos envolvidos no feito teatral. Convocou, ademais, un Concurso de Teatro Breve que chegou á duodécima edición e a través do que se deu a coñecer un vasto grupo de dramaturgos. Aínda que cunha intensidade que variou dependendo do momento, a EDG mantivo tamén unha presenza importante nos diversos foros teatrais que existiron na Galiza durante eses anos. Ademais, nos seus espectáculos participaron un elevado número de actores que posteriormente proseguirían a súa carreira noutras agrupacións. A análise das iniciativas xestadas na Escola Dramática Galega, atendendo tanto as causas que determinaron o seu grao de consecución, como os efectos das mesmas sobre o conxunto do campo teatral, pode, pois, resultar moi revelador para entendermos unha etapa do teatro galego recente. Titulo: A ESCOLA DRAMÁTICA