É este `Abelcebú´ un tratado científico de escarnio e maldicir; un escalpelo humorístico que disecciona as trampas dos poderes oficiais, unha intervención cirúrxica a corazón aberto onde operan a un tempo o bisturí da ironía e a dinamita do sarcasmo. É o `Abelcebú´ unha enciclopedia dos saberes do Demo, unha lupa grotesca que nos desvela as vergoñas do mundo, e lles dá a volta ás nosas crenzas e prexuízos como a calcetíns que se botan ao cesto da roupa suxa. É o `Abelcebú´ un cuspe de pallaso, un carrusel conceptual onde o escritor fai burla do universo, e de si mesmo, sempre na procura dun sorriso oblicuo, fracturado entre o lirismo e a amargura. `Abelcebú´: un peido diabólico na parte traseira do sistema literario.