Este libro, escrito por Fran Alonso e ilustrado por Fino Lorenzo, presenta unha completa biografía e unha antoloxía representativa da obra de María Mariño, a autora homenaxeada no Día das Letras Gelgas 2007. Estudando cada un dos periodos biográficos da autora, desde o seu nacemento en Noia, pasando pola súa estadía en Euscadi e a súa volta a Galicia onde vivirá o resto da súa vida no Courel, o volume permite un achegamento didáctico e atractivo para o alumnado do terceiro ciclo de educación primaria e do primeiro de educación secundaria obrigatoria. A través das entretidas páxinas deste libro, o escritor vainos contando a vida e a obra de María Mariño como se fose unha novela. Mesturando a realidade e a ficción, desvélanos a extraordinaria figura de María Mariño desde o mesmo día en que naceu. De Noia ao Courel, pasando polas difíciles circunstancias da Guerra Civil, A vida secreta de María Mariño describe a personalidade dunha muller e dunha obra literaria de gran altura. O libro, que inclúe unha cronoloxía e unha antoloxía poética, é de lectura agradable, amena e desenfadada.