A peseta xubílase. O euro xa está aquí. Os cidadáns teremos que adaptarnos ás novas moedas e billetes. As entidades crediticias, empresas e comercio xa están a renovar o sistema informático para adaptalo á futura moeda e o proceso de fabricación de moedas e billetes está en marcha: as máquinas cuspen milleiros de moedas e billetes cada día. A distribución do euro xa comezou. O euro e a construcción europea é un libro informativo, dirixido a calquera persoa que pretenda familiarizarse coa futura moeda e desexe coñecer os principais pasos e avances dados no proceso da Construcción Europea. Na primeira parte do libro, danse resposta ás preguntas que inquedan ós cidadáns en relación co euro. ¿Que é o euro?, ¿como naceu?,¿como se vai facer o cambio de moeda?, ¿canto vale un euro?, ¿como se redondean oficialmente os decimais do euro? Na segunda parte, achegámonos un pouco máis a Europa, desde o comezo do proceso da Construcción Europea.