Este libro recolle catrocentas tiras das publicadas por Gogue en " Faro de Vigo " na súa sección " Floreano " organizadas en tres apartados: " De mulleres, chiñas, rubias e varios " , " De curas, monseñores e eminensias " e " De tasas, viños e loureiros " . Constitúe a primeira gran antoloxía dos personaxes creados polo humorista do Grove: Floreano, Monchiña, Epifanio, Cachiña, don Ramón o cura, Charito e Fly. Abre o volume o texto, " Floreano, My Way " , limiar de Alberto Avendaño, director de " Tiempo Latino " . " Floreano e mais eu cumprimos os 25 anos en paralelo, el nas páxinas do " Faro de Vigo " e eu nas rúas migratorias dos Estados Unidos. Eu creo na liberdade de expresión e Floreano é a expresión da liberdade. Floreano é paródico e saudoso, eu vivín a parodia en Galicia e vivo a saudade en Washington. Floreano, aínda que non o pareza, nunca fai comentarios de actualidade transcendental; limítase a doar os seus órganos vitais -cerebro, lingua e outras partes brandas- para o melloramento da humanidade. Eu nunca me atrevería a tanto. Floreano é un heroe accidental, un mártir despistado, un home sen segundas porque pensa que conduce un coche automático. Niso tamén somos diferentes. Floreano debe ser declarado Patrimonio Intanxible da Humanidade aínda que a el o que máis lle gusta é tocar. (...) Se lle preguntas a Floreano como lle vai a vida, espétache: My Way! Se mo preguntas a min, eu dígoche: Do carallo! E cando Floreano e mais eu cantamos a dúo, con Sinatra na casete do dous cabalos gris, e chega aquilo de I did it my way!, nós os dous -que non falamos galego normativo- erguemos as cuncas de tinto ao ceo e aturuxamos en perfecta de-sintonía: Man-da-ca-ra-lloooooo! Gracias, GOGUE. Thank you, Floreano. " Do limiar de Alberto Avendaño