Nestes tres relatos, “As fillas do defunto coronel”, “Estar no ceo” e “A festa no xar-dín”, Katherine Mansfield, unha das escritoras máis innovadoras da literatura do século XX, arremete contra o concepto victoriano de familia, a visión romántica do amor e mesmo a falacia humanista sobre a coherencia e unidade do ser. Gran parte da obra desta escritora novacelandesa, que dedicou boa parte da súa vida a combater as restrictivas normas sociais e sexuais do momento, céntrase en explorar as dualidades e ambigüidades agochadas na mente humana. As historias das protagonistas de As fillas do defunto coronel coinciden non só pola súa denuncia dunha sociedade perversamente deseñada para limitar as posibilidades de desenvolvemento das mulleres. Tres contos que reflicten de modo xeral a discriminación á que se ven sometidas as mulleres na sociedade de principios de século, ao tempo que critica, de xeito implícito, a represión exercida desde institucións como a familia e o matrimonio; ademais de analizar os aspectos máis escuros e irracionais do inconsciente. Ao amosarnos sempre os seus personaxes femininos alienados perante o debate entre as imposicións externas e os seus desexos, Mansfield ataca os convencionalismos ríxidos no que respecta aos papeis normais asignados ás mulleres.