Xosé Antón Avilés Vinagre naceu na aldea noiesa de Taramancos, da que tirou o seu nome literario, Antón Avilés de Taramancos, o 6 de abril de 1935 e morreu na Coruña o 22 de marzo de 1992. En 1961 exiliouse en Colombia, país no que residiu durante vinte anos. De regreso a Galicia, incorporouse á vida social, política e cultural do país. Avilés de Taramancos, publicou os poemarios As moradías do vento (1955), A frauta e o garamelo (1959), O tempo no espello (1982), Cantos caucanos (1985, Xerais 2003), As torres no ar (1989) e Última fuxida a Harar (1992); ademais do libro de relatos Nova Crónica das Indias (1989, Xerais 2003) e da peza infantil Tres capitáns de tempos idos (Xerais 2003). As súas colaboracións en prensa foron recollidas en Obra viva (1992). Antón Avilés de Taramancos. Unha fotobiografía (1935-1992) ofrece un singular percorrido fotobiográfico sobre a figura humana e literaria que Galicia homenaxea este 17 de maio. Preparada coidadosamente por María Dolores Arxóns Álvarez e X.Lois Agrelo Hermo, amigos persoais e biógrafos do poeta, a presente fotobiografía ofrece máis de douscentos documentos gráficos (fotografías, programas, textos manuscritos
) e textos literarios, ordenados cronoloxicamente, e, en boa parte, ata agora inéditos, que constitúen o máis amplo álbum documental sobre a figura de Antón Avilés de Taramancos. Percorrido fotobiográfico iniciado na súa aldea natal de Taramancos (1935-1953), que continúa no seu tempo de formación e bohemia na Coruña (1953-1961), que se ensancha no seu perído en Colombia, a súa patria acolledora (1961-1980), que conclúe en Noia, a súa patria recuperada (1980-1992). Percorrido visual, precedido polo ensaio Antón Avilés, o sentimento fabulador da terra, preparado polo seu amigo e coetáneo xeracional o académico Salvador García-Bodaño Zunzunegui.O volume complétase cunha completa cronoloxía e unha bibliografía de e sobre Antón Avilés.