Este libro pódese estruturar en tres bloques temáticos dedicados ás manifestacións da dinámica terrestre, á xenética e evolución e ao medio. As unidades están formuladas desde o punto de vista da observación e a descrición de forma sinxela de todos os fenómenos naturais. Neste apartado a selección de fotos, debuxos e exemplo fíxose pensando naqueles modelos que poden resultar ser máis actuais e cotiáns, de tal forma que sexa máis sinxelo inferir sobre eles as explicacións teóricas. Por este motivo a carga gráfica de debuxos e fotografías é tremendamente importante. En canto á estrutura didáctica do libro, cada unidade comeza cunha dobre páxina de presentación na que se introduce ao alumnado nos contidos correspondentes a partir dunha fotografía, un pequeno texto e unha serie de preguntas encamiñadas a detectar os conceptos previos que, ademais, serven como fío condutor. As actividades están intercaladas no texto para reforzar e consolidar os contidos ou para que se poida empregar a metodoloxía de ensinanza-aprendizaxe, baseada no estudo dos contidos conceptuais a partir destas. Tamén se formulan actividades que tratan de conectar o que se estuda coa vida diaria, coa sociedade ou cos avances tecnolóxicos presentes ou futuros, como as dobres páxinas de final de unidade.