A mitoloxía galega bebe de moitas fontes e é herdeira de diferentes tradicións, entre elas da mitoloxía clásica, nórdica e bretoa. Tamén recolle trazos dos antigos contos populares europeos e do bestiario medieval, polo que moitos dos relatos que compoñen o seu extenso imaxinario teñen os seus equivalentes noutras culturas. Estes mitos foron obxecto de especial interese para os grandes clásicos da literatura galega; mais, hoxe en día, encóntranse practicamente esquecidos e resultan descoñecidos para boa parte dos galegos. Polo tanto, a nosa intención con este libro foi recompilar e ilustrar, de xeito sinxelo pero vistoso, algúns daqueles mitos e lendas máis representativos, co obxectivo de contribuír á súa divulgación, tamén entre os máis novos, como exemplo da exorbitante riqueza que conforma a nosa tradición folclórica, de inmenso valor cultural e patrimonial.