Teodosio, o pai; Orestes, o fillo; e Diana, a súa namorada son os tres protagonistas de Agnus patris, unha breve e intensa traxedia, que arranca argumentalmente dos aconteceres dunha cea intrascendente de familia. Unha obra que demostra que, aínda hoxe, a traxedia se amosa como esencia do mundo. Cunha economía máxima de recursos, unha linguaxe escénica que non ten medo a reivindicar a vixencia da herdanza simbolista e unha voz dramática que parte da trivialidade da fala cotiá para desembocar na plural densidade de significacións da poesía, o texto de Afonso Becerra eríxese nunha proposta singular no panorama das escrituras ibéricas actuais. É un texto que quere ser cifra de aspectos centrais do tempo que o fai posible, pero non xoga a carta do formalismo estéril, nin da parábola política, nin da comedia de costumes.A escritura de Afonso Becerra dótase dos recursos necesarios para enfrontarse a un aspecto importante da paisaxe emocional da súa xeración e da súa época, e por iso xoga a carta da expresión oblicua e da linguaxe densa. Pero o retrato que obtén é implacable. E é que hai unha rara sabedoría nesta escritura aínda temperá: a sabedoría de que a natureza do misterio é a natureza da vida, e que facela posible é e será a clave de calquera futuro desexable. A sabedoría de construír con todo isto carne de escenario, son algunhas das palabras coas que o dramaturgo catalán Joan Casas cualifica esta primeira obra de Afonso Becerra.