A materia da Imaxe recolle a necesidade de englobar todos os contidos propios da creación audiovisual nun conxunto coherente, capaz de dar sentido ao aspecto creativo e de comunicación nas súas distintas manifestacións: a fotografía, o diaporama, o cinema e a creación multimedia, pero tamén recolle estes contidos a través do son, da publicidade, da escenografía, do "vídeo-art" e doutras formas de comunicación. Esta materia pretende capacitar ao alumnado non só no uso dos medios técnicos, senón tamén nas posibilidades creativas e nas capacidades de comunicación propias da linguaxe audiovisual. Para lograrmos este obxectivo debemos procurar fixar actividades que nos permitan profundar nos mecanismos da comunicación e elaborar novas formas de expresión. As actividades propias desta materia poden ser non só a filmación dunha película ou a realización dun vídeo, senón tamén a creación de produtos publicitarios, de montaxes escénicas, "performances", "vídeo-art", e a realización de experiencias con imaxe dixital ou presentacións multimedia a partir de procesos informáticos sinxelos.