Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política na Universidade de Santiago, elabora en A idea de nación en Castelao un modelo para a análise dos aspectos políticos e ideolóxicos do nacionalismo en Castelao, facendo unha aquelada interpretación do seu pensamento a través dunha lectura crítica de Sempre en Galiza. Máiz afonda no pensamento político de Castelao a partir da súa primeira cerna: o concepto de Galicia como nación que vertebra o seu enteiro discurso en canto se postula como indeclinablemente nacionalista. Nesta breve monografía téntase dar conta dos elementos fundamentais cos que Castelao constrúe o concepto de nación, o núcleo duro da cualificación nacionalitaria; de ordenar o peso interno relativo de cada un dos seus elementos e da súa articulación como momentos dunha formación discursiva nacionalista; a articulación do núcleo duro discursivo con elementos racionais de exclusión e identificación que contribúen dialecticamente e de xeito decisivo á fixación do concepto final de nación; e, finalmente, a articulación do anteiro na orde política: institucional (modelo de estado) e político estratéxico (pobo-nación, apoios, etc.). A idea de nación en Castelao constitúe unha das máis sólidas reflexións e investigacións sobre o pensamento político de Castelao, ó tempo que contribúe ó proceso de permanente edificación e reconstrucción interpretativa de Sempre en Galiza, libro-símbolo do proxecto político nacionalista galego.