A grande cantidade de xogos e divertimentos que tiñan os nosos pais, os nosos avós e demais antepasados conforman unha parte moi importante da nosa cultura oral. Ca chegada dos medios de comunicación masivos –e por riba de todos a televisión– e despois da incursión na nosa sociedade de ordenadores, videoxogos e demais tipos de divertimentos individuais, resulta difícil atoparnos con pandillas de rapaces e rapazas a xogar xuntos. De aí a importancia de recuperar e difundir este material. É fermosísimo ve-las xentes maiores das nosas aldeas lembrando estes xogos que formaron parte da súa nenez e da súa xuventude.