A corpo aberto de Manuel Rivas é unha viaxe de xornalismo " Indie " . Independente, libre, irónica, crítica e de fábrica literaria. A primeira das viaxes describe o lugar imaxinario onde, tras a perda do poder en 2004, se decidiu instalar a España conservadora: o Estado de Apocalipse Permanente. Como no Ciprianillo, o popular libro dos tesouros ocultos, o lector non debe ler senón desler, do presente ao pasado, ao xeito do arqueólogo que se interna na caverna da España do Último Día. A segunda trata da " amnesia retrógada " , unha viaxe contra o esquecemento e unha denuncia do " complexo de Creonte " no que aínda se manteñen as elites máis influentes da dereita española. Na terceira, " A revolución do mar " , cóntanse, entre outras, dúas loitas que contribuíron a modificar a nosa conciencia medioambiental: a expedición do Xurelo á Fosa Atlántica e o " thriller " do caso Prestige. E, por último, na cuarta, " As Reexistencias " , unha sorte de historias naturais escritas cunha respiración alternativa, entre dor e humor. En todo caso, o propósito deste libro responde á idea que enunciou con encarnizada precisión Rodolfo Walsh: escribir é un avance laborioso contra a estupidez.